recent posts
Tags cloud

Rosa María Calaf, Carlos Susías e Civio, no Foro que comeza o xoves

O Foro, o evento de referencia en Galicia en temas de pobreza e exclusión social, celébrase na Escola Galega de Administración Pública (Santiago de Compostela), e contará por primeira vez coa chamada Ágora do Terceiro Sector e Voluntariado. Trátase dunha experiencia na que organizacións sen ánimo de lucro e empresas de economía social exporán en quendas de 15 minutos un proxecto innovador, ante un auditorio reducido que verá as posibilidades de ser replicado.
Son once as propostas que se exporán deste xeito, e van desde a promoción do software libre a espazos de información na Rede para poder mercar roupa fabricada con medios responsables; a busca de fontes de financiamento alternativas á minguante achega pública; o mentoring e apoio en situacións de exclusión; e as redes de apoio entre consumidores especialmente desprotexidos. Participan as entidades Agasol, Amarante Setem, Cogami, Ecos do Sur, Federación Autismo Galicia, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano, Grupo Emaús Fundación Social, IGAXES, Reseteando e ADICAE.
Liñas básicas e relatores
O Foro, que chega á cuarta edición, estrutúranse en torno a catro liñas básicas: transparencia e participación fronte á corrupción; transparencia na xestión dos fondos europeos; mellor comunicación para a inclusión activa; e retos para facer que a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) sexa efectiva.
Entre os máis de corenta relatores que participarán nas sesións atópanse a veterana xornalista de Televisión Española Rosa María Calaf, que pronunciará unha conferencia titulada Comunicación decente contra a desigualdade e a pobreza. Tamén participará no Foro Cristina Moreno Alborán, da Fundación Civio (www.civio.es), unha plataforma dedicada a rescatar desde o xornalismo de datos feitos e cifras relevantes para a cidadanía, desde o destino dos impostos ás contradicións dos representantes políticos ou as relacións entre os máis poderosos. Mentres, Carlos Susías, presidente de EAPN España, falará de Transparencia e participación da sociedade civil na xestión dos Fondos Estruturais. ¿Ficción ou realidade?
Inscrición e información
Para máis información sobre a inscrición e para recibir un programa detallado do IV Foro, os interesados poden acceder ao sitio web www.pobrezagalicia.org ou escribir ao correo info@eapn-galicia.com. É posible facer directamente a inscrición nesta ligazón.



